A Festa da Troita trae unha intensa fin de semana a Ponte Caldelas
- De venres a domingo a Alameda de Ponte Caldelas encherase de música, gastronomía e cultura
- Xa está instalada a iluminación de verán, que conta cun gran paraugas central na Praza de España e iluminación decorativa en toda a Alameda en cor verde, branca e morada.
Ponte Caldelas, 26 de maio de 2022. Ponte Caldelas está xa as portas da Festa da Troita e espérase unha intensa fin de semana na Alameda de Ponte Caldelas, onde a amplia programación e a previsión de bo tempo forman o tándem perfecto. Un ano máis, e xa van tres, a Praza de España e a Alameda de Ponte Caldelas contan unha especial iluminación que se acenderá con motivo da Festa da Troita e que se manterá durante todo o verán, ata o mes de setembro. Este ano, como novidade, tamén se instalou unha fermosa iluminación branca que cubre toda a Rúa da Igrexa.
E é que a Alameda de Ponte Caldelas converterase esta fin de semana nunha gran festa coa troita como protagonista. Haberá posibilidade de degustar troitas fritidas e en escabeche durante o sábado e o domingo. O sábado o stand abrirá a partir das 19.00 horas e o domingo farao en horario de 12.00 a 14.30 e de 19.00 a 21.00 horas. Os prezos continúan sendo populares e a ración de troitas, con pan e un vaso de viño ou botella de auga mantéñense nos 3 euros.
Programación
As actividades comezan mañá venres, ás 21.30 horas, co concerto de presentación do terceiro disco dos Coribantes, que contarán coa colaboración de numerosos persoeiros do mundo da música e da danza que os arrouparán na presentación do seu último traballo musical: A Ponte da Música. A actuación musical enmárcase dentro do I Festival Troita Folk de Ponte Caldelas, que terá tamén concertos durante a xornada do sábado e do domingo.
O sábado as actividades comezan ás 8.30 horas, cando se inicia o concurso internacional de Pesca Deportiva na súa categoría Sénior e Veteranos. O concurso está organizado pola Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas. A partir das 17.30 horas comezan as exhibición de baile de grupos locais, nas que participarán o Club Treboada, o grupo de baile moderno do Colexio Público A Reigosa, o grupo de baile rexional “Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas”, o grupo de baile infantil da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade., o grupo de bailes de salón ‘Máis Que Baile’e o grupo de bailes de salón ‘Ponte Caldelas Baila’.
Ás 20:00 horas comeza o Certame de Corais, que por primeira vez se realiza na Alameda de Ponte Caldelas. Participarán a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, a Coral Polifónica Ventos do Val de Mos e a Coral Trasdeza de Silleda. A continuación dará comezo a segunda xornada do I Festival Troita Folk, que contará coas actuacións do grupo de baile da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade e o Grup Folkloric Sa Colla de Buscastell de Ibiza. A partir das 23:00 horas comezará a verbena coa orquestra Alizanza e a Eme Music Disco Móvil, co Dj David Expósito de Radio Lider.
O domingo o concurso de pesca comeza ás 9.00 horas na categoría Feminina, Xuvenís e Infantís. Ás 12.00 horas comeza o pasarrúas coa Banda de Música de Meaño, ás 13.00 horas terá lugar a entrega de trofesos do Campionato de Pesca na Alameda de Ponte Caldelas e rematará o acto co concerto da citada Banda de Música ás 13.30 horas. A actividade de clausura á o concerto de Cantos de Taberna cos grupos Catro Ventos e Cantanascroas, que se enmarca no I Festival Troita Folk de Ponte Caldelas.
Exposición
A Casa da Cultura acolle tamén ata o domingo 29 a exposición ‘Esmalte ao Lume e Vitrofusión’. Da man de Olga Durán e Isabel Perea é amósase a expresión artística dunha técnica cada vez máis rara e que mesmo corre o risco de perderse. Pezas de bisutería e cadros forman esta mostra que está aberta en horario de mañá e tarde.
A Deputación colaborou co Concello de Ponte Caldelas na programación cultural do verán
A Deputación de Pontevedra colaborou co Concello de Ponte Caldelas na programación cultural do verán do ano 2021. Ao abeiro da Liña 2 do Plan Concellos 2021. A Deputación de Pontevedra concedeu unha subvención de 37.451,40 euros dos que o Concello de Ponte Caldelas investiu un total de 28.571,70 euros, repartidos na actuación de seis bandas de música e 17 concertos que se desenvolveron durantes os meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2021.
Debido a que todos os concertos estiveron programados e tiveron lugar ó aire libre na Alameda de Ponte Caldelas, tal e como se recomendaba pola incidencia da Covid19, houbo moitas actuacións que non puideron desenvolverse debido ás inclemencias meteorolóxicas,
O calendario máis fermoso, o de Ponte Caldelas
- O almanaque foi financiado pola Deputación de Pontevedra con cargo á subvención de dinamización sociolingüística 2021.
- O almanaque é a toda cor e incorpora un refrán en cada mes
A Deputación de Pontevedra, a través da subvención de Dinamización da Lingua Galega do ano 2021, colaborou co Concello de Ponte Caldelas na publicación do calendario de dinamización sociolingüística de 2022. O calendario entregase porta a porta en todas as vivendas do concello e tamén se distribúe nos comercios e locais de hostalería da vila.
No Consistorio hai tamén exemplares para que poidan recoller aquelas persoas que desexen facerse con un almanaque que un ano máis logra aunar a esencia de Ponte Caldelas nos doce meses do ano.
A Deputación de Pontevedra aportou ó Concello de Ponte Caldelas a contía de 1.805,65 euros para a publicación do almanaque, sobre os 2.649,90 euros que custou a impresión dos 2.800 exemplares.