lueiroinauguracin

O presidente da Real Academia Galega enxalza o exemplo do Concello caldelán e invita a outros a recoller a semente

Manuel Lueiro Rey, o escritor, o xornalista, o humanista de Fornelos de Montes que medrou literariamente entre O Grove, Pontevedra e Bos Aires, é protagonista da programación cultural do Concello de Ponte Caldelas ata o próximo día 30. A exposición fotobiográfica polo centenario do seu nacemento, organizada e promovida pola Fundación Lueiro co apoio da Deputación Provincial, ten parada na Casa da Cultura da capital do Verduxo.

Ponte Caldelas sumouse á “causa Lueiro” para reivindicar a esta figura das letras galegas, non suficientemente coñecida nin recoñecida, cun acto no que participaron o alcalde , Andrés Díaz; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; o biógrafo de Lueiro, Ramón Nicolás; o xornalista e crítico de arte Ramón Rozas e a filóloga e poeta, Eli Ríos. Houbo, ademais, interpretación musical dalgún dos poemas do homenaxeado.

As familias de Manuel Lueiro e Alexandre Bóveda estiveron presentes nun acto que tivo como punto culminante a colocación dunha placa que lembra o paso destes dous persoeiros polo antigo cárcere de Ponte Caldelas, que estaba no mesmo edificio que hoxe é Casa da Cultura municipal. As viuvas acompañaron a Andrés Díaz na descuberta da inscrición que conmemora este fito e dará testemuña para as xeracións vindeiras.

O propio alcalde subliñouno no seu discurso: “Un edificio de tristuras, hoxe convertido nun edificio de alegrías, que cambiou os barrotes polos libros, que pasou de encerrar ás ideas a espallalas, que pasou da escuridade á luz”. Andrés Díaz falou da “cultura do diálogo” que preside o Goberno local de Ponte Caldelas, onde tres forzas distintas como o PSdeG-PSOE, a Agrupación Veciñal Independente e o BNG xestionan un Concello que se esforza en abrir as portas ás ideas e tamén en pagar vellas débedas culturais. Aludiu, deste xeito, ao recente homenaxe ao cantautor e poeta de Regodobargo, Suso Vaamonde, “pois parecía que caera unha lousa de silencio sobre a súa memoria”.

Xesús Alonso Montero remarcou a personalidade literaria, pero sobre todo cívica de Manuel Lueiro, e lamentou que os escolares galegos descoñezan, a día de hoxe, a moitos persoeiros cruciais da nosa historia, que fixeron país, que loitaron dende as letras, durante os peores  anos do franquismo, a prol do valor do ser humano “e que fixeron posible que hoxe comamos quente”. O presidente da Academia Galega agradeceu o compromiso do Concello de Ponte Caldelas, “pois non hai moitos alcaldes e concelleiros que se preocupen destas cousas, así que ogallá o vento leve a semente e a espalle por outras corporacións municipais”.

Xosé Leal cualificou a Lueiro como unha persoa comprometida intelectual e socialmente, sempre solidario coa xente máis desfavorecida. Un compromiso no que abundou o seu biógrafo, Ramón Nicolás, ao explicar que o vínculo político está presente en Lueiro dende moi novo, pero acentuouse ao presenciar as inxustizas sociais, como o despedimento das traballadoras dunha conserveira no Grove. O experto fixo un percorrido sintético pola vida do autor de “Escolma ferida”, que trazou a partir do seu paso polos catro territorios que marcaron a súa vida: Fornelos de Montes, onde naceu; O Grove, onde casou; Pontevedra, onde traballou, e Bos Aires, onde entrou en contacto coa intelectualidade do exilio.

Destacouse tamén a fortuna póstuma que tivo a obra literaria de Manuel Lueiro, pois tras o seu pasamento, en 1990, van publicados xa 11 libros sobre  o escritor de Fornelos, aínda que, como se resaltou en todas as intervencións, segue a ser un descoñecido para o gran público.

Ramón Rozas puxo o acento na dimensión xornalística de Lueiro, quen comezou publicando no xornal El País, de Pontevedra, baixo a dirección de Roberto Blanco Torres, dando así paso a unha prolífica colaboración con cabeceiras como Litoral, Diario de Pontevedra, La Noche, El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Correo Gallego, Diario de León, Diario Regional de Valladolid, ABC, La Hoja del Lunes, A Nosa Terra, Sonata, Cartel, Chan, Insua, Coordenadas, Dorna, Espiral, Congostra e Radio España Independiente (Radio Pirenaica).

Despois dun estudo dos seus artigos publicados no Diario de Pontevedra, Ramón Rozas subliñou a permanente preocupación de Lueiro pola defensa dos dereitos da persoa fronte ao asoballamento da sociedade, a súa rebeldía contra a explotación infantil e a sorprendente actualidade dalgúns dos seus textos nos que se denunciaba a crua experiencia da emigración para gañar a vida. Textos nos que tamén reivindicaba a figuras como Lorca, Machado o Bertolt Brecht e que, nalgunha ocasión, causáronlle algún disgusto coa censura.

Manuel Lueiro Rey, ata o día 30 deste mes de novembro, na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.