fotoAureaÁurea, único operador galego trala venda de R, estrea en Ponte Caldelas unha nova vía de negocio afastada do modelo das grandes multinacionais do sector

O concello de Ponte Caldelas contará dentro de dous meses co mesmo servizo de banda ancha de acceso a Internet que as grandes cidades galegas. A firma local Áurea, nacida dentro do holding empresarial Enermol ao que pertence Eléctrica Los Molinos, está a realizar o despregamento final da rede troncal de fibra óptica coa que dará cobertura aos 33 núcleos de poboación do territorio municipal.

O alcalde, Andrés Díaz, recibiu á directiva de Áurea, encabezada pola directora xerente, Beatriz Estévez; o administrador, Marcial Estévez, e o seu responsable técnico, Aurelio Louro, quenes lle confirmaron que xa contan co permiso administrativo do Ministerio de Industria que os converte no único operador galego de telecomunicacións (trala venta de R á vasca Euskaltel) e agradeceron ao Concello de Ponte Caldelas á axilidade na tramitación das licenzas para o tendido do cableado.

Andrés Díaz valorou o esforzo do grupo Enermol por diversificar o seu negocio e tivo palabras de eloxio para esta valente aposta por Ponte Caldelas, que convértese así nun municipio pioneiro da Galicia de interior en contar con servizos de Internet por fibra óptica de última xeración. O operador caldelán ofrecerá anchos de banda que oscilan entre os 50 megas e os 350 megas simétricos para os clientes particulares e solucións á carta para as empresas. Uns parámetros de calidade que ata o de agora só estaban dispoñibles nas grandes cidades galegas e áreas próximas e, aínda así, de xeito parcial.

Ponte Caldelas pasará de dispor dun servizo de ADSL que non pasa dos 10 megas asimétricos no mellor dos casos, e con abundantes zonas de sombra alá onde non chegan as ondas Wimax en moitos dos seus núcleos, a un servizo de altisima calidade servido por cables de fibra óptica. Unha rede baseada na última tecnoloxía FTTH (fibra ata o fogar) e, por tanto, máis moderna que a que está implantada en moitos barrios das cidades.

O obxectivo idóneo no plan de negocio de Áurea é chegar a unha clientela de 3.400 fogares en Ponte Caldelas, distribuídos ao longo dos 33 núcleos de poboación. Nestes momentos, xa teñen cableados os polígonos do Campiño e da Reigosa, así como a rede troncal que os une coa Vila. A partir de aí van realizando derivacións ás áreas próximas, sen prexuízo de que a rede chega xa á parroquia da Insua, no outro estremo do municipio. Segundo explicaron os directivos de Áurea, o 80% da rede troncal, ou o que é o mesmo, uns 50 Km de fibra, está instalada a día de hoxe. En función da demanda dos clientes, o despregamento pode chegar ata os 160 Km, todo elo executado por empresas puramente galegas como Montajes J.M. Iglesias, Nubodata, Grupo Itelsis, Ernieproducciones y Servitalent.

Áurea, único operador galego, nace cunha vocación completamente distinta á das grandes multinacionais que dominan o sector. Ponte Caldelas, explicaron, é xa unha illa dixital na que ofrecerán un servizo totalmente personalizado, con atención cara  a cara, e que se baseará nos principios de cercanía, sinxeleza, confianza, tranquilidade, transparencia e honestidade nas relacións co cliente.

En principio, estudan ofertar tres paquetes básicos aos usuarios domésticos que denominan como Áurea Bronce, Prata e Ouro, nos que ofertan conexión ás tres velocidades habituais da fibra óptica (50 Megas, 150 Megas e 350 Megas simétricos). Inclúe, ademais, chamadas ilimitadas a teléfonos fixos e 1.000 minutos a móbiles, xunto con algunhas diferenzas segundo o paquete. Os prezos están sendo sometidos a un estudo de mercado, pero barallan situalos nos 37 euros, 40 e 47 euros mensuais, respectivamente. A partir de aí haberá prezos complementarios polos servizos de televisión e entretemento audiovisual que se contraten.

Áurea supón un cambio de filosofía na tendencia de globalización e impersonalización das empresas de telecomunicacións. Tal e como destacou Andrés Díaz asistimos ao nacemento dunha aposta polo local e para o local, unha iniciativa empresarial que vai ter éxito, vai marcar tendencia e vai ser imitada porque adáptase como anel ao dedo ás características orográficas e demográficas de Galicia. “Para unha gran empresa e o seu aparatoso consello de dirección que só manexa parámetros abstractos non resultamos atractivos”, afirmou Díaz “e por iso tardariamos moito en contar con fibra  óptica, pero en Ponte Caldelas temos a enorme sorte de contar cunha familia de emprendedores dinámicos, que saben aproveitar as vantaxes competitivas de estar cos pes no territorio”.

O alcalde de Ponte Caldelas dixo sentirse exultante do nacemento dunha iniciativa que non só xera emprego, senón que vai mellorar a calidade de vida dos veciños e pon a Ponte Caldelas á vangarda do mapa dixital de Galicia. “Vai haber moitos ollos sobre nós nos próximos anos porque isto vai ser moi imitado”, vaticinou. “A xente está farta das grandes empresas que che atenden, ou mellor dito non te atenden, a centos de kilómetros de distancia; a xente quere recuperar a sensación de adquirir un produto de confianza e iso é perfectamente aplicable ás novas tecnoloxías e ao mundo dixital”.

Díaz aproveitou o encontro para anticipar que unha vez que Áurea estea plenamente operativa, o Concello de Ponte Caldelas estudará a contratación paulatina de todos os seus servizos de datos e telefonía sobre IP en todos os centros e edificios municipais. Non descarta, ademais, asinar acordos para axudar á empresa á súa implantación  nas empresas e fogares caldeláns.

O grupo Enermol afunde as súas raíces no ano 1906 como Eléctrica Los Molinos. A tradición empresarial comezou cun bisabó muiñeiro que adquiriu unha turbina en Alemaña co obxectivo de autoabastecerse de enerxía eléctrica. Xurdiu así un negocio familiar vendendo a electricidade ás vivendas próximas e estendéndose, paulatinamente, polo municipio. Varias xeracións despois o negocio familiar está moi diversificado e, en 2015, crearon Áurea. Outra vez a solución dunha necesidade interna deu pé a unha idea empresarial. O que inicialmente ía ser o soporte informático sobre fibra óptica para  os sistemas de telexestión e telemando das instalacións de produción de enerxía hidroeléctrica converteuse nalgo máis ambicioso. Comezaron polo subministro aos polígonos do Campiño e A Reigosa e, finalmente, decidiron abrilo a todos os veciños de Ponte Caldelas.