Capela da Inmaculada Concepción de Silvoso
Templo neoclásico. Ten o edificio, case planta de cruz grega, pois o brazo maior é da mesma lonxitude que a cabeceira e as dúas naves laterais son só lixeiramente máis curtas. Está construída enteiramente en muros de cadeirado.
O brazo maior e a cabeceira son dun só tramo, cubertos con bóveda de canón, arco triunfal e arco de acceso ao cruceiro iguais, de medio punto, sen baseas e capiteis en talón, cuarto de bocel e listel. Os brazos menores non teñen arcos de acceso, as bóvedas inícianse cun resalte directamente no cruceiro, bóvedas tamén de canón. Todas as bóvedas teñen a mesma altura.
O cruceiro cóbrese con bóvedas de crucería, que inicia os seus arcos en ménsulas de ángulo. Ao sur da cabeceira levántase unha sancristía con cubertas de bóveda de canón. O retable é Neoclásico, cuxa fornela central está ocupada pola imaxe da patroa Virxe Inmaculada Concepción do século XIX.
As bóvedas da nave maior e cabeceira arrancan de impostas en nacela e cuarto bocel; as naves laterais dunha imposta en simple filete.
A porta na fachada é rectangular, de lintel abovedado. Enriba ábrese unha fornela sobre unha ménsula e máis arriba unha ventá rectangular de dobre derramo. O piñón é triangular, con pináculo no extremo sur e torre no norte.
A cornixa é en todo o edificio de dous linteles superpostos e cuarto de bocel.
A torre é de corpo, con cornisón apoiado en friso de placas, cornisón en talón. É de planta cuadrangular, con catro vans rematados en arcos de medio punto, lisos, corpo que se remata noutro cornisón en gola, con catro pináculos nos ángulos. Remate en capulín pétreo con pináculo.